Wednesday 01 de May de 2024

O Concello e a Asociación de Comerciantes de Narón organizan unha nova edición de Anima Rúa


O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, Susana Oreona e Alba Dopico, secretaria e tesoureira, respectivamente, da Asociación de Comerciantes de Narón, presentaron unha nova edición, a segunda, de Anima Rúa, unha proposta encamiñada a dinamizar o comercio local e que se desenvolverá o vindeiro sábado, día 28, na Praza da Gándara. O edil naronés recordou que a proposta se enmarca na campaña municipal “Merca en Narón. Facemos cidade” e animou á veciñanza a acudir para desfrutar do completo programa de actos que se desenvolverá en horario de mañá e tarde.

Alumnado das academias de baile All Dance e CompArte realizará exhibicións ás 12.15 e 13.15 horas respectivamente e ás 13.45 terá lugar o concerto de Ainai (tributo a Bob Marley), para continuar o programa ás 14.15 con outro concerto, nese caso de Isma Taboada. A música continuará centrando a programación da tarde, a partir das 15.00, co contacontos musicado de Música Miúda, para retomala ás 15.45 horas con RockSchool. A continuación, tal e como avanzaron dende a organización, haberá unha exhibición do club de patinaxe CPAX Eiriz, ás 17.15 horas, e ás 17.45 será o turno da academia de música 2Plicas.

As representantes da ACN indicaron que se sortearán con cargo a esta iniciativa 450 paraugas, 90 ao día –un por cada establecemento asociado- e catro vales de experiencias, valorados cada un en 250 euros. Os paraugas sortearanse nos propios comercios, cos tickets de compra, e os vales o propio sábado na Praza da Gándara, ás 18.45 horas, donde se sortearán tres, se ben o cuarto será entregado a través das redes sociais. Para obter toda a información pódese consultar a web: www.comerciodenaron.com.